Teléfonos

Teléfono do Concello: 982 360 004

Fax do Concello: 982 360 518

Espazos

Rede Natura

 

 

A Lei 9/2001, de Conservación da Natureza define ós espazos naturais protexidos como aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza coma derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

Natura 2000 é a rede de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea creada en virtude da Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva hábitats), con obxecto de salvagardar os espazos naturais mais importantes de Europa. Componse de zonas especiais de conservación (ZEC) declaradas polos Estados membros con arreglo á Directiva sobre hábitats e, ademais, das zonas especiais de protección para as aves (ZEPA) que se designan de acordo coa Directiva aves (Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres).

Disponse de información acerca dos distintos tipos de espazos naturais protexidos e rede natura. En xeral, diferénciase as distintas categorías:

 ESPAZOS NATURAIS:

· Reserva natural

· Parques

· Monumento natural

· Humidais protexidos

· Paisaxe protexida

· Zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN)

· Espazo natural de interese local

· Espazo privado de interese natural

REDE NATURA 2000:

· Zona de especial protección para as aves (ZEPA)

· Lugares de Importancia Comunitaria (LIC)

LUGARES DE IMPORTANCIA COMUNITARIA (LIC)

A Directiva hábitats crea a rede ecolóxica coherente de zonas especiais de conservación chamada Natura 2000. Esta rede terá que garantir o mantemento nun estado de conservación favorable dos hábitats e das especies na súa área de distribución natural dentro do territorio da Unión Europea. Os espazos que compongan esta rede terán que incluír unha representación suficiente dos hábitats do Anexo I ou das especies do Anexo II da devandita Directiva, de xeito que garantindo a súa conservación dentro de Natura 2000 póidase garantir o obxectivo polo que se creou esta rede de espazos.

Na actualidade a rede Natura 2000 aínda non está rematada. Atópase na fase de aprobación por parte da Comisión Europea das listas de lugares de importancia comunitaria ( LIC ) para cada unha das rexións bioxeográficas de Europa. Unha vez que sexan aprobadas pola Comisión -xa foron aprobadas as listas das rexións macaronésica, alpina, continental e atlántica-, outorgarase a estes espazos a categoría de LIC. Posteriormente os Estados membros deberán declarar como zona de especial conservación (ZEC) todos eses lugares presentes no seu territorio.

A proposta galega de lugares de importancia comunitaria ( LIC ) está composta por 59 espazos, todos eles foron declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, de 2 de abril e 55 están incluídos na lista de lugares de importancia comunitaria ( LIC ) da rexión bioxeográfica atlántica aprobada pola Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2004).

ZEPVN-LIC / ANCARES - COUREL

Áreas de media e alta montaña (altura media de 939 m) situadas no extremo occidental da cordilleira Cantábrica. Aínda que o seu extensísimo territorio (o maior dos espazos naturais protexidos de Galicia) conta como un único espazo para efectos da Rede Natura 2000, Os Ancares e O Courel (lato sensu), constitúen dúas áreas bastante ben definidas, non só pola súa situación xeográfica, senón tamén pola súa xeoloxía, as súas condicións edáficas, o seu clima e as súas particularidades biocenóticas. Comparten, iso si, unha baixa densidade de poboación humana e ausencia de núcleos habitados importantes, un altísimo grao de despoboamento e unha economía fundamentalmente agraria.

A área dos Ancares pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia orocantábrica e sector laciano-ancarense. Dominio climático oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 2.042 mm (a media altitude), e temperatura media de 8 ºC (aínda que a media das mínimas invernais pode roldar os 2 ºC baixo cero e os 4 ºC a media anual dos cumios), cunha media de 157 días libres de xeadas e frecuentes precipitacións en forma de neve entre novembro e abril. A parte norte (Navia de Suarna) é lixeiramente menos chuviosa (1.800 mm anuais) e algo máis cálida (9 ºC).

O Courel atópase nunha área de tránsito entre os sectores laciano-ancarense (que afecta á parte máis alta e oriental do espazo protexido) e galaico-portugués. O primeiro pertence á subprovincia orocantábrica e o segundo á subprovincia cántabro-atlántica. Ademais, ambas contactan no extremo sueste co sector berciano-sanabrés (subprovincia carpetano-leonesa, rexión mediterránea). En consecuencia, o clima é máis contrastado que nos Ancares, con fortes variacións de temperatura entre os invernos e os veráns e unha clara tendencia ás secas estivais. Así mesmo, varía considerablemente desde o norte, no contorno do Cebreiro (precipitacións medias de 2.000 mm anuais, temperaturas medias de 9 ºC), ata o sur, nas beiras do Sil, que lle dan unha considerable influencia mediterránea (precipitacións de 1.000 mm, temperaturas de 13 ºC), pasando polos 2.285 mm de chuvias rexistradas nas partes máis altas do interior da serra.

Código del LIC

ES1120001

Situación

No cadrante sudoriental da provincia de Lugo, pertencente ás comarcas dos Ancares, Quiroga, Sarria e Terra de Lemos. Localidades de referencia: A Proba de Navia, San Román de Cervantes, Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, A Cruz do Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga.

Concellos

Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas do Sil.

Superficie

102.438,90 ha.

Outras figuras de protección

-Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

-Zona de Especial Protección para o oso pardo (Ancares, 12.140 ha).

-Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA ES0000374 Ancares, 12.564 ha).

-Reserva Nacional de Caza de los Ancares de Lugo (8.286 ha).

-Paisaje Pintoresco.

-A área correspóndese parcialmente coa IBA 009 Serra dos Ancares, incluída no inventario de SEO/BirdLife (1998).

Accesos

Para chegar aos Ancares, os accesos principais son a autovía A-6 ou a estrada N-VI. Chegados a Becerreá, tomaremos nesta localidade o desvío (LU-722) cara á Pobra de Navia (Navia de Suarna), que se encontra case no extremo norte do LIC. Desde esta última estrada tamén podemos tomar o desvío en Liber (a poucos quilómetros de Becerreá) cara a Pontes de Gatín e Doiras, ou ben continuar ata a capital municipal de Cervantes, San Román, seguindo por Quindous e Vilaquinte cara a Rao, ao norte do espazo natural, ou cara a Donís, Piornedo e Degrada, na serra dos Ancares propiamente dita. Outras varias estradas locais e pistas intérnanse na serra, como a que enlaza Pedrafita do Cebreiro co porto do Portelo. Por este lugar pódese chegar desde a provincia de León, desviándonos en Ambasmestas cara a Balboa e continuando ata entrar na provincia de Lugo.

Para chegar ao Courel tamén existen múltiples posibilidades e alternativas. A estrada LU-651 atravesa esta serra de norte a sur, pasando por Seoane e Folgoso do Courel. A ela chégase polo norte partindo de Pedrafita do Cebreiro pola LU-633 (Sarria-Pedrafita do Cebreiro), seguindo ata as aldeas do Cebreiro e Liñares e tomando un desvío á esquerda pouco despois deste lugar, ou ben polo sur, desde Quiroga. En calquera caso, desde esta estrada central pódense tomar diferentes desvíos que permiten adentrarnos na área. Ademais, as localidades da Pobra do Brollón, A Cruz do Incio, Samos e Triacastela, ás que se chega desde a C-535 desde Sarria, Bóveda ou Monforte de Lemos, son bos puntos de partida para percorrer as serras periféricas do Courel (A Trapa, Lóuzara, Airibio, etc.) ou alcanzar esta mesma serra.

Infraestructuras

Centro de Interpretación e Xestión da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, Campo da Braña e Aula da Natureza, en Campa da Braña-Degrada (tel. 982 181 252).
Aula da Natureza de Moreda do Courel (Folgoso do Courel).

Descrición

Áreas de media e alta montaña (altura media de 939 m) situadas no extremo occidental da cordilleira Cantábrica. Aínda que o seu extensísimo territorio (o maior dos espazos naturais protexidos de Galicia) conta como un único espazo para efectos da Rede Natura 2000, Os Ancares e O Courel (lato sensu), constitúen dúas áreas bastante ben definidas, non só pola súa situación xeográfica, senón tamén pola súa xeoloxía, as súas condicións edáficas, o seu clima e as súas particularidades biocenóticas. Comparten, iso si, unha baixa densidade de poboación humana e ausencia de núcleos habitados importantes, un altísimo grao de despoboamento e unha economía fundamentalmente agraria.

A serra dos Ancares e os montes de Cervantes están situados no terzo centro-oriental da provincia de Lugo e afectan aos termos municipais de Navia de Suarna, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá e As Nogais. A serra dos Ancares alíñase ao longo do límite territorial con Asturias (Ibias) e León, que tamén incluíu a súa parte da serra no rexistro de espazos naturais protexidos (LIC Serra dos Ancares, ES4130010, 55.581,95 ha). O cordal montañoso inclúe algunhas das maiores altitudes de Galicia (O Mustallar, 1.935 m; Penalonga, 1.898 m; Lagos, 1.867 m; Corno Maldito, 1.849; Os Charcos, 1.847 m; Pena Rubia, 1.822 m). Algo máis ao norte, as montañas de Navia de Suarna (serras de Barreiro, Surcio, A Pruida, O Brañal, etc.) non superan máis que puntualmente os 1.500 m (Porto dos Ancares, 1.680 m; Surcio, 1.456 m; O Tesón, 1.377 m; Loma do Charco, 1.239 m). Toda esta amplísima área montañosa, desde Rao ata O Cebreiro, é drenada por un gran número de pequenos cursos fluviais que discorren, a miúdo moi encaixonados, en dirección xeral noroeste ata incorporarse ao río Navia pola súa marxe dereita: Valdeparada, Cervantes (cos seus afluentes, O Toural, Noceda, Brego e Vara), Quindous, Ser, Cantorcia e Rao, entre outros máis pequenos. Boa parte do propio curso do Navia serve de límite occidental ao espazo natural. O relevo, en xeral moi accidentado, é altamente quebrado e irregular, caracterizándose polo forte encaixamento dos seus vales, producido sobre materiais louseños e areas de cuarzo, e unha continua sucesión de cumes alombados sobre substrato cuarcítico, que chega a aflorar potentemente en lugares como as Penas de Murias, en Rao. O modelado glaciar desempeñou un papel fundamental sobre este tipo de relevo, podendo encontrarse numerosas pegadas deste, como os depósitos morénicos do Mustallar, Tres Bispos ou o val do Piornedo. Os terreos calcarios son escasos e están restrinxidos ao sur e sudoeste do macizo (arredores de Becerreá, serra da Escrita).

O Courel encóntrase no extremo sudoriental da provincia e abarca os termos municipais das Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, Triacastela, O Incio, A Pobra do Brollón, Quiroga e Ribas de Sil. Baixo esta denominación xenérica englóbase á serra do Courel, que se estende por Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel e Quiroga, e outros macizos montañosos periféricos: serras do Piornal e Rañadoiro, ao norte; Airibio, Lóuzara e A Trapa, ao oeste; e Biduedo, Os Cabalos e Cereixido, ao sur. A particular estrutura xeolóxica do Cebreiro, onde se produciu un marcado afundimento intramontañoso ou fractura que se abre ata Triacastela, serve de separación polo norte entre estas montañas e as dos Ancares. A serra do Courel propiamente dita presenta unha morfoloxía moi complexa, extremadamente quebrada e movida, na que alternan vales profundos e moi encaixados, como os de Romeor, Seoane, Visuña ou A Seara, cunha sucesión de cumes alombados pero frecuentemente de abas moi escarpadas, o que se traduce en tremendos desniveis altitudinais. A altitude xeral, porén, é notoriamente inferior á dos Ancares, con máximos no Formigueiros (1.639 m) e Pía Paxaro (1.616 m), pero entre os 1.000 e os 1.500 m no resto (A Escrita, 1.460; A Cabra, 1.419 m; O Boi, 1.451 m). As serras periféricas manteñen niveis altitudinais similares (Muralla, no Rañadorio, 1.480 m; O Airibio, 1.447; Legua, na Trapa, 1.307 m; Montotuto, nos Cabalos, 1.541 m). Coa excepción do río Sarria, que, procedente da serra do Airibio, desauga na conca do Miño, todos os cursos fluviais do Courel pertencen á conca do Sil, destacando o Lor, co seu afluente o Lóuzara, entre outros máis pequenos, así como o Selmo, o Quiroga e o Soldón, que drenan a parte sur e leste da serra. A serra do Rañadoiro, en terras do Cebreiro, constitúe a divisoria da conca do Navia e da subconca do Lor. O substrato litolóxico é principalmente louseño e cuarcítico, aínda que a presenza de afloramentos calcarios desde O Cebreiro e a través do Courel é moi importante. A existencia de fallas e a actuación da erosión fluvial é patente na aparición frecuente de gargantas con paredóns verticais e morfoloxía de dente de serra. Tamén nestas serras hai importantes exemplos de morfoloxía glaciar, circos notables como o da lagoa da Lucenza e cordóns morénicos e outros vestixios como nos vales da Seara, Vieiros e Visuña (Folgoso do Courel), o alto do Carballal (Pedrafita do Cebreiro) ou o val de Queixadoiro (Triacastela). O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España incluíu dous sectores no rexistro de Puntos de Interese Xeolóxico: o ¿Pregamento do Courel¿ (PIG LU-10) e a ¿Estrutura na cuarcita armoricana do val do Soldón¿ (PIG LU-11). O primeiro, de importancia internacional, abarca o coñecido sinclinal do Courel, o maior pregamento tombado que pode observarse na península Ibérica, desenvolvido sobre cuarcita armoricana e visible entre as aldeas de Campodola e Leixazós; o segundo, de importancia rexional, comprende a estrutura do val do Soldón, tamén sobre cuarcita armoricana, continuación cara ao leste do gran sinclinal, onde se observan espectaculares pregamentos de arrastre.

A área dos Ancares pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia orocantábrica e sector laciano-ancarense. Dominio climático oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 2.042 mm (a media altitude), e temperatura media de 8 ºC (aínda que a media das mínimas invernais pode roldar os 2 ºC baixo cero e os 4 ºC a media anual dos cumios), cunha media de 157 días libres de xeadas e frecuentes precipitacións en forma de neve entre novembro e abril. A parte norte (Navia de Suarna) é lixeiramente menos chuviosa (1.800 mm anuais) e algo máis cálida (9 ºC).

O Courel atópase nunha área de tránsito entre os sectores laciano-ancarense (que afecta á parte máis alta e oriental do espazo protexido) e galaico-portugués. O primeiro pertence á subprovincia orocantábrica e o segundo á subprovincia cántabro-atlántica. Ademais, ambas contactan no extremo sueste co sector berciano-sanabrés (subprovincia carpetano-leonesa, rexión mediterránea). En consecuencia, o clima é máis contrastado que nos Ancares, con fortes variacións de temperatura entre os invernos e os veráns e unha clara tendencia ás secas estivais. Así mesmo, varía considerablemente desde o norte, no contorno do Cebreiro (precipitacións medias de 2.000 mm anuais, temperaturas medias de 9 ºC), ata o sur, nas beiras do Sil, que lle dan unha considerable influencia mediterránea (precipitacións de 1.000 mm, temperaturas de 13 ºC), pasando polos 2.285 mm de chuvias rexistradas nas partes máis altas do interiorda serra.

Hábitats

Hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE):

Ríos de pisos de chaira a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion.

Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix.

Uceiras secas europeas.

Uceiras alpinas e boreais.

Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo.

Prados ibéricos silíceos de Festuca indigesta.

Prados alpinos e subalpinos calcarios.

Prados secos seminaturais e facies de mato sobre substratos calcarios (Festuco-Brometalia).

Zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachepodietea.

Formacións herbosas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas da Europa continental).

Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino.

Prados pobres de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis, Sanguisorba officinalis).

Turbeiras altas activas.

Mires de transición.

Desprendementos mediterráneos occidentais e termófilos.

Pendentes rochosas calcícolas con vexetación casmofítica.

Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica.

Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii.

Faiais acidófilos atlánticos con sotobosque de Ilex e ás veces de Taxus.

Carballeiras pedunculadas ou albares subatlánticas e medioeuropeas de Carpinion-betuli.

Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).

Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.

Bosques de Castanea sativa.

Sobreirais de Quercus suber.

Aciñeirais de Quercus ilex e Quercus rotundifolia.

Bosques de Ilex aquifolium.

Flora e vexetación

A serra dos Ancares mantén unha diversidade de formacións arbóreas sen parangón en Galicia e posúe algúns dos bosques mellor conservados na Comunidade Autónoma. Exemplos excelentes constitúenos o afamado Avesedo de Donís, no val do río Ortigal, os de Cabanavella e As Morteiras, no val do río da Vara, e a Grova Fragosa e Calangros de Brego, nas ladeiras do monte Penarrubia. Incluíndo variantes e facies, identificáronse na área ata 25 tipos de bosque autóctono. Pese a que, con todo, a extensión de bosques naturais só rolda o 15% do LIC, sendo substituídos ademais por plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos nalgunhas zonas, a masa arbórea autóctona é probablemente a máis extensa e mellor conservada de Galicia.

Asociados á presenza de aldeas e aos cursos de auga, nos fondos de vales e ladeiras baixas hai soutos de castiñeiros (Castanea sativa), bosquetes de abeleiras (Corylus avellana) e bosques-galería riparios, estes últimos caracterizados por ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix atrocinerea, Salix caprea) e freixos (Fraxinus excelsior, Fraxinus angustifolia). A maior altura (ata uns 1.000 m de altitude) e en forte pendente, predominan as carballeiras de cerquiños (Quercus pyrenaica) nas vertentes de solaina, mentres que nas umbrías aparecen os bosques montanos máis extensos e variados, dominados por carballos (Quercus robur), carballos albares (Quercus petraea), e os seus híbridos Quercus x rosacea, abeleiras ou padrairos (Acer pseudoplatanus), cun sotobosque rico en arandeiras (Vaccinium myrtillus) entre outras moitas especies. Entre os 1.000 e os 1.800 m encóntranse os acivreiros (de Ilex aquifolium), con formacións moi extensas, e os bidueirais (de Betula celtiberica) acompañados de cancereixos (Sorbus aucuparia), e algunhas faias (Fagus sylvatica), con estratos arbustivos e herbáceos bastante densos, ademais dos máis raros teixos (Taxus baccata), e cancereixo (Sorbus aria). Na parte setentrional do espazo natural (Murias-Rao), a escasa influencia mediterránea faise notar na presenza de sobreiras (Quercus suber), e érbedos (Arbutus unedo). A faia é escasa nos Ancares, pero en Pintinidoira (Cervantes) existe unha interesante formación, relativamente extensa, que constitúe un dos poucos faiais situados no bordo sudoccidental do seu areal europeo.

Arredor da metade da superficie dos Ancares está ocupada por diferentes tipos de matogueiras e monte baixo, que predominan en abas de solaina e nos cumes. A partir dos 1.700-1.800 m desaparece a vexetación arbórea, que é substituída por formacións de uceira e piornal, con uces (Erica arborea), xestas (Genista florida subsp. polygaliphylla), toxos (Ulex spp). e outros arbustos. A un maior nivel aparecen os enebrais rastreiros silicícolas de (Juniperus communis subsp. alpina), xuntamente con diferentes pasteiros asociados a solos esqueléticos e pedrizas. En vales de orixe glaciar desenvólvese unha interesante vexetación propia de zonas higroturbosas (uceiras higrófilas, cervunais de Nardus stricta, etc.).

Aínda que O Courel garda moitas similitudes coa serra dos Ancares, pertencendo na súa maior parte ao mesmo subsector bioxeográfico, existen bastantes diferenzas que fan da súa paisaxe vexetal algo particular e, nalgúns aspectos, exclusivo. O influxo mediterráneo decididamente maior, con fortes variacións de temperatura de inverno a verán, a presenza de afloramentos calcarios potentes e as condicións edafolóxicas máis variadas, xuntamente coa existencia dunha orografía moi complexa, grandes desniveis altitudinais e variedade de exposicións, entre outros factores, fan da área o enclave máis diverso para a flora de Galicia. Baste dicir que o número de taxons inventariados pasa dos 750, o que constitúe máis do 60% da flora da Comunidade Autónoma.

A superficie de arboredo autóctono é, como nos Ancares, pouco maior do 15%, habendo por outra parte extensas repoboacións de piñeiros (sobre todo de Pinus sylvestris) en cotas altas. Porén, esta serra atesoura algunhas das formacións boscosas máis singulares de Galicia, se non da Península, como son a famosa devesa da Rogueira ou o rosario de bosques de Romeor a Zanfoga. Un elemento de grande importancia corolóxica e ecolóxica destes bosques é a faia, que se desenvolve sobre terreos calcarios (asociación Omphalodo nitidae-Fagetum sylvaticae), formando pequenos faiais onde é dominante ou entran a formar parte, ademais, doutras formacións arbóreas, como na Rogueira. Por outra parte, os bosques montanos pluriespecíficos, as carballeiras, as cerquiñeiras, os abeledos, as acevais e os bidueirais, onde tamén entran os acivros (Ilex aquifolium), os cancereixos (Sorbus aucuparia), e os teixos (Taxus baccata) tamén, están presentes nestes redutos, igual que os freixedos e ameneirais riparios ao longo dos numerosos cursos de auga. Os aciñeirais de (Quercus ilex subsp. ballota), que crecen por debaixo dos 800 metros, son propios dos afloramentos calcarios do Courel, onde se entremesturan con érbedos (Arbutus unedo), e outros arbustos termófilos. Tamén sobre estes solos aparecen os espiñeirais, caracterizados por abruñeiros (Prunus spinosa), espiños albares (Crataegus monogyna), e outros arbustos espiñosos. Os soutos de castiñeiros, en moitos casos con exemplares enormes, son unha característica fundamental da área e ocupan considerables extensións nos arredores das aldeas. Ademais das especies termófilas citadas, na conca media-baixa do río Lor medran as sobreiras e os érbedos sobre matogueiras de xaras (Cistus psilosepalus, Cistus salvifolius) e uces, denotando unha considerable influencia mediterránea.

Ademais dos diferentes tipos de matogueiras, que cobren enormes extensións e están caracterizadas polas xestas (Genista florida subsp. polygaliphylla), os piornos (Cytisus multiflorus, Cytisus scoparius), a uz branca (Erica arborea) e outras ericáceas (Erica aragonensis, Erica umbellata, Daboecia cantabrica, etc.), presentan un alto interese a vexetación casmofítica (propia de rochedos), a de turbeiras e, sobre todo, os diferentes tipos de pasteiros e herbais seminaturais, e particularmente os pasteiros montanos pioneiros sobre solos esqueléticos.

Unha infinidade de taxons endémicos, raros ou pouco citados, de área de distribución reducida ou de aparición marxinal en Galicia, algúns deles ameazados e protexidos, están presentes no LIC. Tal é o caso de Arenaria grandiflora subsp. incrassata, Armeria duriaei, Campanula adsurgens, Crepis albida subsp. asturica, Festuca elegans, Festuca summilusitanica, Genista sanabrensis, Gentiana lutea subsp. aurantiaca, Iberis contracta, Iris boissieri, Juniperus nana, Leontodon farinosus, Matthiola fruticulosa, Narcissus asturiensis, Rhamnus legionensis, Rubus lucensis, Sideriris hyssopifolia subsp. caureliana, Silene legionensis, Teucrium pyrenaicum, Vaccinium uliginosum e Veronica micrantha, entre outros moitos. As poboacións dalgúns grupos, como os fieitos ou as orquídeas, cuxo catálogo está ateigado de especies únicas ou case únicas desta área, son as máis ricas de Galicia.

Fauna

Fauna de invertebrados extremadamente diversa. Nalgúns casos, como no dos lepidópteros, aquí refúxiase o maior número de especies raras e ameazadas de Galicia. Entre os incluídos no anexo II da Directiva hábitats encóntranse o caracol (Elona quimperiana), a lesma (Geomalacus maculosus), o ropalócero (Euphydryas aurinia), e os coleópteros (Cerambyx cerdo e Lucanus cervus). As últimas poboacións do ameazadísimo cangrexo de río autóctono (Austropotamobius pallipes) en Galicia habitan algúns ríos do espazo natural.

A herpetofauna está integrada, como mínimo, por 13 especies de anfibios e 16 de réptiles, e fai do espazo natural unha área importante a escala estatal, segundo un recente inventario (''Serras dos Ancares/O Courel''; Dirección Xeral de Conservación da Natureza, 2004). Entre as especies listadas no anexo II da Directiva hábitats están a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), e a lagarta da serra (Iberolacerta monticola). Dos elementos montanos estritos, a lagara das brañas (Lacerta vivipara), presente nos Ancares, e a víbora de montaña (Vipera seoanei subsp. cantabrica), son exclusivos ou case exclusivos destas montañas. A entrada de especies mediterráneas é especialmente palpable no Courel, onde, entre outras, se atopan a lagarta rabuda (Psammodromus algirus), a cobra rateira (Malpolon monspessulanus), e a cobra riscada (Rhinechis scalaris).

 O catálogo avifaunístico supera as 100 especies. Para un bo número de elementos eurosiberianos vinculados aos bosques montanos, Os Ancares e, en menor medida, O Courel constitúen o límite sudoccidental da súa área de distribución europea. Entre elas, dúas encóntranse probablemente extintas na actualidade, a emblemática e endémica pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus subsp. cantabricus) (sen datos de cría desde 1995), e o peto mediano (Dendrocopos medius). A arcea (Scolopax rusticola) (10-20 parellas), o peto negro (Dryocopus martius) (1-2 parellas), a estreliña do norte (Regulus regulus), e o ferreiriño palustre (Parus palustris), son outras especies deste grupo de aves forestais de ámbito moi restrinxido en Galicia. Outras especies forestais de especial interese son o papamoscas cincento (Muscicapa striata), e o rabirrubio de testa branca (Phoenicurus phoenicurus), característicos dos soutos e pouco comúns no ámbito autonómico. Interesante poboación de aves rapaces, con presenza de aguia real (Aquila chrysaetos) (aínda que sen probas recentes de nidificación); miñato abelleiro (Pernis apivorus), aguia cobreira (Circaetus gallicus), millafre negro (Milvus migrans), gatafornela (Circus cyaneus) (5-10 parellas), tartaraña cincenta (Circus pygargus), azor (Accipiter gentilis), aguia calzada (Hieraaetus pennatus), falcón peregrino (Falco peregrinus), e bufo real (Bubo bub) entre outras. Entre a avifauna propia de áreas abertas e rochedos encóntranse a moi ameazada charrela (Perdix perdix), a pica alpina (Anthus spinoletta), a azulenta alpina ( Prunella collaris), o merlo rubio (Monticola saxatilis), e a choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax).

 A fauna mastozoolóxica é a máis variada de Galicia, roldando as 50 especies. Entre os mamíferos incluídos no anexo II da Directiva hábitats, cabe destacar a presenza do desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), diversos morcegos (Rhinolophus ferrum-equinum, Rhinolophus hipposideros, Myotis myotis, Miniopterus schreibersi) e a lontra (Lutra lutra). Outros quirópteros coñecidos da área son (Myotis emarginatus, Pipistrellus pipistrellus, Plecotus auritus e Plecotus austriacus). Numerosos pequenos mamíferos de filiación montana ou que se atopan ao bordo do seu areal teñen no LIC algunhas das súas poucas ou únicas poboacións galegas, como ocorre coa musaraña da auga (Neomys fodiens), o furafollas grande (Sorex coronatus), a corta rubia (Clethrionomys glareolus), a rata de auga norteña (Arvicola terrestris), a trilladeira nival (Chionomys nivalis), a rata da fraga (Apodemus flavicollis) e o leirón (Glis glis). Tamén a única poboación galega da lebre de piornal (Lepus castroviejoi), está nos Ancares. Existen importantísimas poboacións de carnívoros que contan con todas as especies autóctonas galegas, entre as que cómpre sinalar especialmente as de gato bravo (Felis sylvestris), e marta (Martes martes). Hai núcleos estables de lobo (Canis lupus) e, na actualidade, presenza regular do antigamente extinto oso pardo (Ursus arctos) nos Ancares, pero aínda sen probas de reprodución. O xabaril (Sus scrofa) e o corzo (Capreolus capreolus), presentan unha densidade elevada, e hai unha presenza menos numerosa e máis localizada de cervo (Cervus elaphus) e rebezo (Rupicapra rupicapra).

MAPA ANCARES-COUREL

Lexislación

Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG n.º 69, do 12 de abril de 2004).

Resolución do 30 de abril de 2004 (DOG n.º 95, do 19 de maio de 2004).

Decisión da Comisión do 7 de decembro de 2004 (Diario Oficial da Unión Europea, L 387, do 29 de decembro de 2004).

 

 

ESPAZOS NATURAIS

 
   
[Xunta de Galicia]