Teléfonos

Teléfono do Concello: 982 360 004

Fax do Concello: 982 360 518

Concello

Situación

BECERREÁ "PORTA DOS ANCARES"

Situado na montaña lucense, Becerreá presenta unha orografía moi accidentada, enmarcada dentro do conxunto de Serras Orientais de Galicia, a súa escarpado relevo caracterízase pola súa versatilidade.

Límites:

   Norte: Baleira e Navia de Suarna
    Sur: As Nogais e Triacastela
    Este: Cervantes
    Oeste: Baralla e Láncara

En Galicia:

galicia

Mapa Comarcal:

 mapa comarcal

 

ENCADRAMENTO  TERRITORIAL

A Comarca dos Ancares  sitúase  no sector  oriental  da provincia de Lugo  constituíndo, xunto  ás veciñas Comarcas da Fonsagrada  e Quiroga, a alta montaña lucense.

Forma parte  do que podería  considerarse  unha grande  Comarca  natural  de carácter  interrexional: Galicia , León  e Asturias , cunhas peculiaridades  naturais e  etnográficas  que a distinguen  perfectamente  das áreas   adxacentes  que son A Serra  do Courel, A Depresión  de Sarria  e  A Comarca  da Fonsagrada .

A vertente  galega  que constitúe  a presente  Comarca  caracterízase  por unhas  condicións  de alta montaña , principalmente  na Serra  dos Ancares  propiamente dita,  con picos  como Penarrubia  (1.821 metros) , Tres Bispos (1.792 metros), Corno Maldito (1.847 metros),  Mustallar (1.924 metros)  e Pena Longa (1.842 metros)  que se  continúan cun cordal cunhas cimas  que son O Cuiña ( 1.987 metros )  e O Miravales (1.969 metros)  ámbolos dous  na provincia de  León, anque   a súa vertente oeste  e , consecuentemente , a rede  hidrográfica  cae cara a Galicia, posto que  o límite  natural  e xeográfico  non son coincidentes:  así  aldeas  leonesas  como Suarbol  e Balouta dan a vales galegos .

Litoloxicamente, a Comarca  caracterízase  por unha grande  abundancia de  rochas  sedimentarias  de baixo  grao metamórfico , de cuarcitas e lousas , así como  materiais  carbonatados , calizas  e dolomías , máis abundantes  no extremo  suroriental da Comarca . Todos estes materiais  foron  afectados pola tectónica  e o metamorfismo  producido  durante  a oroxenia  hercínica  que configurou  as principais  direccións  das estructuras  que son  SE-NO. Así  mesmo,  de idade  hercínica  é o granito  de Ancares, observable  na Serra  do mesmo nome  (Piornedo  e Moreira)  sobre o que  se sitúan  importantes  depósitos  morrénicos .

En resumo,  o relevo  actual  é o resultado da tectónica  hercínica  dos movementos  finiterciarios , probablemente  alpinos , e da acción  do glaciarismo  cuaterrnario .

Xeomorfoloxicamente, esta serra  presenta  cumes  que rondan  os 1.900 metros , desenvolvidas  sobre materiais  de lousa  e cuarcíticos , dando estes últimos  os principais  resaltes  labrados  durante  a era glaciar  do  Würmiense (de idade  cuaternaria)  , que deixou numerosas formas  glarciares  tales como  circos (Tres Bispos e Pena Longa)  , moreas  como a de Piorendo  ou vales  en artesa ,  posteriormente  retraballados  pola erosión  fluvial  que lles  confire a súa  morfoloxía actual en V , como o río  Ortigal .

Máis cara ó leste  esténdese unha serie de serras como A Fiosa,  Granda do Roxo  Liñares e Barreiro, que seguen as  direccións das estructuras antes mencionadas entre as que se sitúan os principais cursos fluviais tributarios do Navia: Valdeparada, Cervantes, Quindous, Ser, Vilapandin, Moia e Rao. Pola súa parte o Navia ten un trazado que corta as estructuras seguindo unha dirección  SO-NE, excepto dende o seu nacemento ata a confluencia co río Ferreiros que segue a dirección das estructuras.

A marxe dereita do Navia presenta regueiros de moito menor percorrido cós da marxe esquerda como o Ferreiros, o Donsal, o Bollán, o Queizán e o Mosteíro.  A liña de cumes que marca o límite Oeste presenta alturas proximas ós 1.000 mts. entre as que destacan a serra Pena da Hedra (1.309 mts), Pena do Pico (1.182 mts), serra de Calamouco, serra de Vilamane, serra de Pedruñais (1.400 mts) e serra de Mora.

As serras de Calamouco, Pena do pico e Vilarnane marcan a liña de cumes que separan as concas do Navia e do Neira (afluente do Miño). Así cara ó  oeste ábrense os vales de Neira de Rei e de Neira de Xusá, conformados pola cunca do río Neira no concello de Baralla e separados, ámbolos dous vales, pola Serra de Puñago (901 m) que atravesa Baralla pola súa zona central de Norte a Sur.

Existe unha unidade xeográfica pertencente á cunca do río Lor, que constitúe o límite sur e á súa vez, actúa de nexo coa Comarca de Quiroga.

Os solos da área de estudio son polo xeral pobres e de escaso espesor, resultado da alteración dunha rocha nai de carácter de lousa e cuarcítico, o cal unido á forte pendente da Comarca, non permitiu o desenvolvemento de solos agroloxicamente aptos. É por iso, que a tendencia natural da Comarca fose eminentemente forestal, restrinxíndose as áreas de cultivo e os pastos ás zonas máis chás, próximas ó curso medio do Navía e medio-alto do Neira.

A esta pobreza dos solos engádeselle toda unha serie de limitacións, producto do clima de montaña que posúe este territorio, con invernos fríos con frecuentes nevaradas e veráns curtos, todo o cal constitúe unha limitación para o desenvolvemento vexetativo.

O clima da Comarca corresponde a un dominio oceánico húmido, cun claro matiz de clima de montaña, froito da súa orografía eo seu afastamento do mar. Dende o punto de vista térmico, a Comarca caracterizase por unhas temperaturas suaves en verán e máís rigorosas en inverno.

A vexetación dos Ancares caracterízase pola grande biodiversidade que presenta. Isto é consecuencia de factores como a súa situación limítrofe entre as dúas grandes rexións florísticas (eurosiberiana e mediterránea), de forma que aínda que  predomina a primeira, a segunda deixa senti-la súa influencia, especialmente na zona sur da serra.

Por outro lado hai que ter en conta outros aspectos como a complicada orografía, o forte gradiente altitudinal, a insolación, a climatoloxia, etc...

As series de vexetación potencial que poden encontrarse son variadas, e van dende unha pequena superficie de aciñeiras no piso colino ata meloxares que ocupan grandes áreas no piso montano, ademais de localizacións puntuais de faiais sur desta, reservándose as cotas máis elevadas para os bidueiros. As carballeiras acidófilas, pola súa parte, sitúanse ó oeste da Comarca. Na actualidade, en cotas superiores ós 1.600 m encóntranse matogueíras de distinto tipo, reservándose os cumes para pastizais. As abas aparecen cubertas por distintos tipos de vexetación dependendo da altitude e da insolación. Os bosques preséntanse fundamentalmente nas de avesedo, e son sobre todo de carballo albar constituindo os bidueirais o límite altitudinal das formacións de bosques. Nas abas de solaina consérvanse algunhas  mostras de bosques de meloxo e a maior altitude de carballo albar, anque en xeral o grao de deforestación é elevado, ocupando grandes superficies os matogueiras (piomais e breixos) e pastizais.

Ademais das formacións citadas poden encontrarse boas mostras de aciñeirais, faiais e bos exemplares de especies como alisos, ameneiros, freixos, castiñeiros, acivros, etc...

Todas estas características dan, en resumo, unha clara orientación da Comarca cara á producción forestal,  orientada cara a madeiras de calidade de fragas autóctonas e cun bo plano de reforestación de amplas áreas deforestadas.

Outro alicerce básico a gandería en estado semilibre para producción cárnica.

Por último debemos cita-lo grande potencial turístico que presenta toda a serra dos Ancares, sempre e cando se leven a cabo actuacíóns de conservación e mellora do contorno natural e arquitectónico.

Concellos colindantes

Rueiro

 

 

CONCELLO

Concello  
   
[Xunta de Galicia]