Teléfonos

Teléfono do Concello: 982 360 004

Fax do Concello: 982 360 518

Casa do Concello

Servizo de emprego e desenvolvemento local

 

logo TLE

 

As funcións a desempeñar, son a título meramente enunciativo e entre outras, as seguintes:

1.  Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

2.  Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

3.  Acompañamiento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa  consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financieira e, en xeral, sobre os plans de lanzamentos de empresas.

4.  Apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionanemto mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos axeitados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

5.  Calquera outra que axude á implantación das políticas activas de emprego no Concello de Becerreá.

6.  Asesoramento e acompañamento nos procesos de planificación relacionados co desenvolvemento terrritorial ou urbanístico con incidencia no desenvolvemento económico do Concello de Becerreá

7. Información integral ós interesados na posta en marcha de calquera proxecto empresarial dende a perspectiva dos trámites de constitución, licencias e autorizacións que precisen tramitar, aspectos tributarios, financieiros, laborais, xestión de axudas e subvencións,….

Casa do Concello de Becerreá.

Praza do Concello s/n.

27640-Becerreá (Lugo).

Teléfono: 982 360 004

Fax: 982 360 518

Correo electrónico:

emprego.desenvolvementolocal@concellodebecerrea.com

concellodebecerrea@telefonica.net

¿Eres emprendedor?

Se eres unha persoa independente, creativa e dinámica, e sintes a necesidade de poñer en marcha unha idea de negocio na que cres é que dentro de ti hai un emprendedor. O coñecemento das propias aptitudes e actitudes persoais ten unha gran importancia á hora de afrontar a creación dunha empresa, pois a personalidade do emprendedor está chamada a ser un dos maiores activos cos que contará o futuro negocio. Neste senso, débese ter en conta que estas persoas non se definen polas súas titulacións, senón por un conxunto de actitudes ante a vida, entre as que se atopa a de amosar un interese permanente polas cousas novas, e unha actitude flexible para asumir cambios. A maiores, os emprendedores son persoas cunha gran confianza en si mesmos, o que lles permite asumir riscos con facilidade e afrontar os desafíos con renovada enerxía. Outras características que se perciben na súa personalidade son a perseverancia en todo o que fan e a capacidade para planificar e organizarse, así como saber traballar en equipo e delegar aquelas tarefas para as que non están capacitados. É importante tamén que un emprendedor sexa unha persoa ambiciosa que saiba pensar ao grande e vislumbrar, desde unha perspectiva realista, metas importantes para a súa empresa. En definitiva un bo emprendedor reúne as seguintes características:

·         Interese por innovar

·         Actitude flexible para asumir cambios

·         Confianza

·         Capacidade para asumir riscos e afrontar retos

·         Dotes para a planificación e a organización

·         Formación

·         Saber delegar

·         Ambición e creat¡vidade

·         Vislumbrar metas para a súa empresa

·         Xestión financeira e planificación económica  

Cantas máis cualidades destas se reúnan maior espírito emprendedor terá a persoa, e, polo tanto, máis posibilidades de éxito terá na posta en marcha da súa iniciativa. En canto á formación, é importante que o emprendedor posúa unha formación axeitada, sen embargo non hai que desbotar as denominadas “capacidades escondidas”, que son aquelas que posúen todas as persoas, sexa cal sexa o seu nivel de educación ou ocupación, e que consisten nunha reserva de disposicións ocultas que poden aproveitar para emprender iniciativas empresariais. Fronte ás habilidades explícitas ou formais, que serven para desenvolver tarefas determinadas, as habilidades tácitas, como a capacidade de planificación ou de síntese, aplícanse a tarefas xerais e poden ser o factor que permita a moitas persoas converterse en empresarios.

Pasos para crea-la túa empresa. O plan de negocio.

Á hora de poñer en marcha unha idea de negocio e antes de comezar a buscar recursos para ela, é necesario ter unha imaxe o máis clara e precisa posible sobre todos os aspectos técnicos que van facer posible a materialización do proxecto. Esta tarefa, que deberá ser realizada polo propio emprendedor ten dúas finalidades:

·         Obrigar a reflexionar internamente sobre as posibilidades de éxito e a viabilidade cuns mínimos de coherencia, eficacia e rigor.

·         Servir de carta de presentación do proxecto fronte a terceiras persoas.

O plan de negocio deberá plasmarse nun documento escrito cun estilo sinxelo, e deberá estructurarse nos seguintes apartados:

·         Presentación da empresa ou resume do proxecto.

·         Presentación dos promotores, trátase de dar a coñecer ao/s interesado/s en crear a empresa. Unha explicación, a modo de currículo de quen é cada un dos empresarios, a que se dedican, ou cal é a súa experiencia e coñecementos. Permite, a quen lea o proxecto coñecer os méritos e aptitudes dos promotores.

·         Análise da idea do negocio, ou descrición do producto que se vaia poñer á venda. Tratándose dun producto, explicar o que é (se xa é coñecido ou é un producto novo, que posibilidades ofrece etc.). Tratándose dun servizo,detallar o que se vai facer e como.

·         Plan de marketing, é imprescindible realizar un estudo do sector no que a empresa se vai mover para planificar unha estratexia de lanzamento que lle permita acadar suficiente cota de mercado, é dicir, os clientes necesarios para rentabilizar o traballo. Ademais, haberá que pensar nunha estratexia comercial ou plan de marketing diferente da utilizada polos demais e que permita facer á nosa empresa máis atractiva para os consumidores.

·         Plan de producción e calidade, é o plano de posta en marcha da empresa que acompaña á idea, cómo levar a cabo o negocio para obter beneficio. Prevé os pasos que se van dar ata que o negocio funcione a pleno rendemento e o tempo que se vai necesitar para iso.

·         Plan de organización,  xestión e recursos humanos.

·         Área xurídico fiscal, é necesario explicar que tipo de empresa se vai constituir, desde o punto de vista xurídico e de organización. Inclúese aquí o carácter da empresa (sociedade anónima, limitada, empresario individual, etc.) e tamén o organigrama interno da mesma (departamentos, áreas e as súas funcións).

·         Estudo económico-financeiro

-Recursos necesarios.

-Plan de financiamento.

-Viabilidade económica.

É o estudo que reflicte a estimación do resultado de explotación da empresa así como a orixe dos seus recursos (propios e alleos). Trátase de estudiar, a priori: por un lado, a rendabilidade económica do proxecto, e por outro, a rendabilidade financeira (comprobar se o beneficio que vai xerar a actividade compensa o esforzo desenvolvido).

 TRAMITES

Certificación negativa da denominación social

O primeiro trámite que ha de realizar un emprendedor que desexe constituír unha sociedade de responsabilidade limitada (SL, SA, SLL, etc.) é solicitar ante o Rexistro Mercantil Central a certificación negativa de denominación social. Trátase dun documento que se achegará á escritura de constitución e que certifica que ningunha outra empresa opera con ese nome. Na actualidade é posible tramitar a solicitude, de xeito íntegro, na páxina http://www.rmc.es/ Antes de nada, recomendamos que o emprendedor comprobe a dispoñibilidade do nome que desexa utilizar na súa empresa. Para iso, nesa dirección web e na opción de consultas, atopará dúas opcións: unha para usuarios abonados e outra para o público en xeral de pago con cartón. Escollendo esta última, aparecerán tres espazos para consultar a dispoñibilidade doutras tantas denominacións. Unha vez escritos os tres nomes e realizado o pago de 1,74 euros mediante pasarela virtual, procederase a realizar a consulta, coñecendo así a dispoñibilidade deses tres nomes elixidos. O paso seguinte será dirixirse, dentro da mesma páxina web, á opción solicitude de certificados. O formulario que se presenta deberá ser cumprimentado na súa totalidade, incluíndo por orde de preferencia as tres denominacións das que xa coñecemos a súa dispoñibilidade. En último lugar cumprimentarase a forma de recepción e pago da certificación, escollendo entre as diversas opcións que se ofrecen (mensaxería, contra reembolso, etc.). O custo deste servizo variará en función da opción escolleita, pero nunca será superior a 30 euros.O Rexistro Mercantil Central adxudicará un dos tres nomes solicitados e emitirá a certificación cunha validez de dous meses. Esta certificación pode ser renovada con posterioridade, por novos períodos de dous meses e ata un máximo de quince.

A escritura notarial

Para constituír unha sociedade mercantil é preciso redactar os estatutos e formalizar a escritura de constitución, que terá que ser asinada ante notario por todos os socios fundadores. Esta deberá outorgarse no prazo de dous meses posteriores á obtención da certificación negativa da denominación da sociedade, transcorridos os cales caducaría e deberá ser renovada. Os estatutos conterán as regras de funcionamento da sociedade e é aconsellable que os redacte un especialista en dereito. En xeral, a documentación que os socios fundadores deben presentar ante notario son: a certificación negativa da denominación da sociedade; DNI e NIF de todos os socios fundadores, certificado bancario que acredite o ingreso do importe do capital social (achegas dinerarias), os estatutos da sociedade e os datos da sociedade (achegas non dinerarias, domicilio da empresa, administradores, etc). Ademais, no caso de que algún dos socios sexa unha empresa xurídica, deberanse presentar os poderes do representante da entidade que vaia ser socia.

CIF Provisional

O Código de Identificación Fiscal, máis coñecido como CIF, é o sistema de identificación utilizado pola Axencia Tributaria para as persoas xurídicas ou entidades en xeral. A Axencia Tributaria considera o CIF como provisional mentres a sociedade non se inscriba no rexistro mercantil, momento no cal concédeselle a condición de CIF definitivo. Para que unha sociedade en proceso de constitución poida solicitar un CIF unicamente é necesario presentar nunha oficina da Axencia Tributaria copia dos DNI de todos os promotores e copia da escritura de constitución. No caso de que aínda non se haxa escriturado a constitución da sociedade, os promotores poderán achegar no seu lugar, unha copia da certificación negativa de denominación social, un borrador de estatutos sociais e un acordo de vontades, asinado por todos os socios e no que se comprometan a constituír a sociedade. Tanto nun suposto como no outro se deberá cumprimentar o modelo de declaración censal 036. Este CIF provisional terá unha validez de seis meses.

Imposto de transmisións

Á hora de constituír Sociedades Mercantís (SL, SA) e Entidades en Atribución de Rendas (Comunidade de Bens, por exemplo) os seus promotores están obrigados a liquidar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados. A liquidación deste imposto debe realizarse nos trinta días hábiles posteriores á formalización do documento de constitución da empresa. Para proceder a devandita liquidación, o promotor deberá cumprimentar debidamente, ben de xeito presencial ou a través de Internet, o impreso Modelo 600 e liquidalo ante unha entidade financeira. Posteriormente, terá que acudirse ante a delegación provincial da Consellería de Economía e Facenda, presentando a copia do impreso, copia do CIF provisional da empresa e copia autorizada e copia simple da Escritura Pública de Constitución ou, no seu caso, do documento privado de constitución. A liquidación deste imposto supón ter que abonar o un por cento da achega a capital social. As Sociedades Limitadas Laborais están exentas de abonar ese un por cento, pero si deben proceder a cumprimentar e entregar na delegación de Economía o impreso e a documentación antes referida.

Declaración censal de alta

As persoas ou entidades que realicen actividades empresariais ou profesionais deben comunicar á Axencia Tributaria, a través da declaración censal, o comezo das mesmas. Enténdese por inicio de actividade non só a realización de entregas de bens e prestacións de servizos no ámbito dunha actividade empresarial ou profesional, senón tamén a adquisición de bens ou servizos coa intención, confirmada por elementos obxectivos, de destinalos á realización de actividades de natureza empresarial ou profesional. Este modelo de declaración censal permite ademais solicitar o CIF, tanto provisional como definitivo. Para iso, é preciso presentar o modelo 036, un impreso que se pode obter nas Administracións ou Delegacións da Axencia Tributaria ou a través da súa páxina web. Na declaración censal comunicarase, ademais do inicio de actividade, unha completa descrición da situación tributaria do empresario profesional, incluíndo as declaracións-liquidacións que ten a obrigación de presentar periodicamente (IVE, IRPF, Sociedades, etc) e a data de peche do exercicio social se a entidade está suxeita ao imposto de sociedades.

Alta no IAE

O Imposto de Actividades Económicas é un tributo de carácter local, que grava o exercicio de actividades empresariais, profesionais ou artísticas, exérzanse ou non nun local determinado. A comunicación do alta é obrigatoria para todo tipo de empresa independentemente da forma xurídica adoptada (sociedade, empresario ou profesional) e presentaranse tantas altas como actividades se vaian a exercer. Desde o 1 de xaneiro de 2003, as persoas físicas, as sociedades civís e sociedades mercantís (estas últimas se teñen un importe neto da cifra de negocios inferior a un millón de euros) atópanse exentas do pago deste imposto. No entanto, segue sendo obrigatoria a comunicación do alta. O documento que se debe presentar é o modelo 036 de declaración censal, para as empresas exentas, e o modelo 840 para aquelas que non o están. O prazo de presentación é previo ao comezo efectivo da actividade e o lugar será a administración ou delegación da Axencia Estatal da Administración Tributaria que corresponda onde váiase a exercer a actividade.

Licenza de actividade

A licenza de actividade é un permiso municipal que acredita a adecuación das instalacións proxectadas, á normativa urbanística vixente e á regulamentación técnica que poida serlle aplicable. Só debe solicitarse cando vaia abrirse un local e sempre con carácter previo á súa apertura. As actividades divídense en Inocuas (aquelas que non producen molestias nin danos) e Cualificadas (aquelas que poden resultar molestas, insalubres, nocivas e perigosas).
Os documentos que se han de presentar no Concello son: Impreso normalizado, alta no IAE, contrato de arrendamento ou escritura de propiedade do local, DNI do solicitante ou escritura de sociedade e CIF, memoria descritiva da actividade e do local, planos de planta e sección do local, plano ou esbozo da situación do local e orzamento das instalacións. Ademais, se a actividade é Cualificada, será necesario un proxecto das instalacións asinado por técnico competente, visado polo colexio profesional correspondente e con dirección facultativa, que inclúa: planos, orzamentos e memoria.

Alta en autonomos

O trámite do alta no Réxime de traballadores autónomos é obrigatorio para todos os profesionais por conta propia e para a gran maioría dos socios traballadores de sociedades civís e mercantís. O traballador autónomo está obrigado a cotizar desde o primeiro día do mes en que inicia a súa actividade e esta obrigación subsiste mentres desenvolva a súa actividade. As cantidades a ingresar á Seguridade Social, chamadas cotas, calcúlanse aplicando unha porcentaxe sobre unha base de cotización. Esta base será elixida polo traballador e sempre estará situada entre un mínimo e un máximo fixado anualmente pola administración. Os documentos a presentar para solicitar o alta, na Tesourería Xeral da Seguridade Social, e no prazo de 30 días naturais seguintes ao comezo da actividade son: documento de afiliación, parte de alta de asistencia sanitaria, parte de alta de cotización, fotocopia do alta no IAE, fotocopia do DNI se é empresario individual e contrato ou escritura e CIF se se trata dunha sociedade.

O número de patronal

A inscrición da empresa na Seguridade Social é un trámite mediante o cal esta última, asigna á empresa un número denominado código de conta de cotización. Esta inscrición será válida para toda a vida da empresa e servirá para a súa identificación e para o control das súas obrigacións, independentemente de que se trate dunha persoa física ou xurídica. A solicitude do numero de patronal só hai que realizala no momento en váiase a contratar ao primeiro traballador. Os documentos a presentar ante a Tesourería Xeral da Seguridade Social son: o impreso normalizado de inscrición de empresas, o DNI do titular ou a copia da escritura de constitución se é sociedade, o contrato de asociación ou Mutua de accidentes de traballo, os impresos de alta do traballador contratado e alta no IAE. Toda esta documentación hase de presentar antes de que o traballador comece a prestar servizos na empresa.

Afiliación e alta de traballadores

Antes de que un traballador empezo a prestar servizos para unha empresa, esta debe proceder a dar de alta ao citado traballador na Seguridade Social. Ademais, se se trata da primeira vez que o traballador presta servizos nunha empresa, o empresario deberá realizar o trámite da súa afiliación.A afiliación é un trámite único, mediante o cal a Seguridade Social asigna a cada cidadán un número de identificación para toda a vida. Para proceder á súa solicitude, o empresario deberá presentar na Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, antes de que o traballador empezo a traballar, o impreso de solicitude oficial TA.1, acompañado de fotocopia do DNI do traballador.No mesmo sitio deberá proceder a solicitar o alta (neste caso trátase dun trámite que hai que realizar cada vez que se empeza un novo traballo), presentando o modelo oficial TA.2, acompañado tamén do DNI do traballador.

Contratacións

O empresario está obrigado a rexistrar na Oficina de Emprego todos os contratos que vaia formalizar cos seus traballadores. Esta comunicación debe realizarse no prazo dos dez días seguintes á súa concertación. A documentación, que se ha de presentar na oficina de emprego, variará en función do tipo de contrato: indefinido, por tempo determinado, transformación, etc. No entanto, existen algúns documentos que son comúns en todos os casos que o contrato formalízase por escrito, como o propio contrato de traballo, a súa copia básica ou a fotocopia do DNI do traballador. Unha vez iniciada a prestación de servizos por parte do traballador, comeza a obrigación de pago do salario pactado e de cotizar á Seguridade Social. A obrigación de cotizar é do empresario e do traballador, sendo o primeiro o que debe reter o que corresponda ao traballador e ingresar as cantidades dentro do mes seguinte ao do deveño. A cantidade a ingresar estará en función do soldo do traballador, á que se lle aplicará uns tipos de cotización determinados.

Comunicación de apertura

Todas as empresas que procedan á apertura dun novo centro de traballo, renoven a actividade logo de efectuar alteracións, ampliacións ou transformacións de importancia, cambien de actividade ou se trasladen, teñen a obrigación de comunicar tal circunstancia á Conselleria de Traballo. A documentación que han de presentar é unicamente un modelo oficial que facilita a propia Conselleria. Neste impreso, que se ha de cumprimentar por cuadruplicado, débense incluír os datos da empresa, do centro de traballo obxecto da comunicación, do persoal ou da actividade que se desenvolve a empresa. O prazo establecido é de trinta días desde o inicio, cambio, traslado ou continuación da actividade e o lugar de presentación é a delegación provincial da citada Conselleria de Traballo.

Libros de actas e socios

Todos os acordos dos órganos colexiados das sociedades mercantís (Xunta Xeral e Consello de Administración) deben estar recollidos en actas que serán transcritas a un libro. Trátase dun libro de follas numeradas, onde se recollerán as diferentes sesións dos órganos de goberno da empresa, e nas que se fará especial referencia aos acordos adoptados.
A sociedade pode levar un só libro para todos os órganos colexiados ou un para cada un deles. En todo caso, o libro de actas pode estar composto por follas móbiles (para facilitar a súa impresión) e debe ser legalizado polo rexistrador mercantil antes da súa utilización. Non se pode legalizar un novo libro de actas ata que non se acredite que o anterior foi totalmente utilizado ou que foi subtraído. Tamén será necesario legalizar no rexistro mercantil o libro rexistro de socios. Nel farase constar a titularidade orixinaria e as sucesivas transmisións das participacións sociais da empresa. En cada anotación indicarase a identidade e domicilio do titular da participación ou do dereito ou gravame constituído sobre aquela.

A firma dixital e o certificado dixital

A firma dixital é o equivalente electrónico da nosa firma manuscrita. Entre as utilidades da firma dixital a nivel empresarial atópanse a presentación de multitude de trámites ante as Administracións Públicas ou a recepción e envío telemático de facturas con total validez legal. Para poder asinar dixitalmente é preciso dispor dun certificado electrónico, cuxa misión é, mediante sistemas de criptografía, validar que unha firma electrónica correspóndese cunha persoa ou entidade concreta, verificar a integridade do contido dos documentos asinados dixitalmente e o feito de que o asinante non poida repudiar o contido asinado electrónicamente.
O certificado electrónico é emitido por unha das múltiples Autoridades de Certificación, aínda que existen determinadas especificaciones técnicas que nos obrigarán a elixir aquela que estea convenientemente acreditada para o uso que se vaia a dar. Os pasos para obter o certificado electrónico son simples: solicitude do certificado vía Internet, acreditación da identidade ante algunha das Oficinas de Rexistro, establecida pola Autoridade de Certificación e descarga do certificado vía Internet. No próximo número explicaremos detidamente o proceso incidindo nas diferenzas para unha persoa física e unha entidade. Tal e como adiantabamos a pasada semana, a obtención dun certificado dixital é diferente no caso das persoas físicas e xurídicas.O primeiro paso é común a ambas. A solicitude debe facerse ante unha entidade de certificación autorizada, como a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. A través da súa páxina web (http://www.fnmt.es/), no apartado CERES, introducindo o DNI (para persoas físicas) ou CIF (para xurídicas) na pestana de solicitude de certificados, obteremos un número de solicitude que é preciso conservar. Con ese número, debemos dirixirnos a unha Oficina de Rexistro, podendo consultar cal é a máis próxima no localizador do que dispón a web da Fábrica de Moeda.
Neste segundo paso, en caso de ser persoa física, só é preciso presentar o número de solicitude e o DNI. En caso de persoas xurídicas, a documentación a presentar será: o CIF da sociedade, nota simple do Rexistro Mercantil na que consten os apoderados (tendo en conta que a nota debe ter unha antigüidade inferior a dez días) e o DNI do apoderado que compareza para a realización do trámite. No caso de que o certificado solicitado sexa para o ámbito tributario debemos dirixirnos unicamente ás Oficinas de Rexistro da Axencia Tributaria. No prazo máximo de 24 horas posteriores á acreditación na Oficina de Rexistro poderemos descargar no noso computador o certificado dixital.

Rexistro do dominio Web

A Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico establece que as empresas ou entidades que sexan titulares dalgún dominio de Internet polo cal perciben ingresos teñen a obrigación de comunicalo ao Rexistro Mercantil. Refírese tanto aos ingresos directos como os do comercio electrónico, por exemplo, como os indirectos, como poden ser os obtidos por publicidade ou patrocinio. Para realizar a comunicación é preciso encher un impreso, que se pode obter no Rexistro Mercantil. Nel inclúense os datos da empresa (nome da sociedade, domicilio, localidade e CIF); do representante legal da mesma (nome e DNI) e do dominio (nome, data de contrato, data de caducidade e entidade rexistradora).
O único trámite que implica algún custo para o interesado é a legitimación notarial da firma do representante legal da empresa. O prazo para comunicar un dominio web é dun mes a partir da data da súa obtención. Aínda que a comunicación do dominio só é de obrigado cumprimento para as empresas que perciban ingresos por este, recoméndase que todas as empresas realicen este trámite, xa que o seu custo é mínimo.

Licenza de obra

A licenza de obra debe solicitarse en caso de efectuar calquera tipo de obras nun local, nave ou establecemento. A súa expedición é competencia do Concello, polo que a súa tramitación e a documentación precisa poden variar en función das ordenanzas específicas de cada municipio.Débense diferenciar dous procedementos: as obras menores e as maiores. O primeiro refírese á reforma de locais que non afecte a elementos estruturais. Con carácter xeral, a documentación que debe presentarse inclúe: o impreso correspondente que proporciona o Concello, memoria descritiva das obras e orzamento, plano de localización do inmoble e licenza de actividade. As obras maiores son as que incrementan o espazo edificado ou afectan a elementos estruturais. Neste caso a documentación a presentar é máis extensa. Polo xeral, pídese o proxecto técnico por duplicado con firma do técnico e aval do colexio correspondente, prego de aval de licenzas urbanísticas e de liquidación da taxa, o impreso de estatística de edificación e folla do nomeamento dos directores de obra. As obras poderán executarse ata seis meses logo da data de concesión da licenza.

Legalización do libro de visitas

As empresas, teñan ou non traballadores por conta allea, están obrigadas a ter en cada centro de traballo o modelo oficial do Libro de Visitas a disposición dos funcionarios do Corpo Nacional de Inspección de Traballo. Cada un dos libros de visitas deberá ser diligenciado na primeira folla polo Xefe da Inspección Provincial de Traballo, que certificará a habilitación do libro, recolléndose ademais datos da empresa. Así mesmo, o libro será selado en todos os seus folios. As dilixencias que practiquen os inspectores de Traballo do resultado das visitas realizadas estenderanse simultaneamente por duplicado, quedando a copia en poder do inspector para a súa constancia e arquivo nas oficinas da Inspección Provincial de Traballo que correspondan.Os empresarios conservarán os libros de visitas a disposición da Inspección de Traballo durante un prazo mínimo de cinco anos a partir da data da última dilixencia, unha vez esgotado o mesmo. A carencia do libro de visitas, a súa non presentación aos funcionarios do corpo ou a non conservación do mesmo durante o prazo sinalado será considerada como infracción.

Plan de prevención de riscos laborais

As empresas con traballadores por conta allea están obrigadas a subscribir un Plan de Prevención de Riscos Laborais, que inclúa a avaliación de riscos e a planificación da acción preventiva. O empresario pode elixir entre asumir el mesmo a xestión da prevención, designar a un ou varios traballadores para que o fagan, crear un servizo de prevención propio ou contratar un externo. En canto aos traballadores, debe comprometerse a formalos sobre os riscos e as medidas aplicadas para previlos, tanto no momento da contratación como cando se produza algún cambio no posto de traballo. Así mesmo, ha de vixiar a súa saúde periodicamente e permitir a súa participación no marco de todas as cuestións que afecten á seguridade e á saúde no traballo. As empresas deben conservar toda a documentación relacionada co Plan de Prevención. Ademais, no caso de que dispoña dun servizo de prevención propio, deberá concertar unha auditoría externa do seu sistema de xestión da prevención.

 

Axudas ao emprego.

Formación e colocación.

Relacións laborais. 

Cooperativismo e economía social.

Prevención de riscos laborais.

Caixón de axudas.

 

OUTROS ENLACES DE INTERESE:

Consellería de Traballo

Rede de Técnicos de Emprego da Xunta de Galicia

Consellería de Inovación e  Industria

Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)

IGAPE Upd Coordina-Local

Consello Galego de Relacións Laborais

Consello Económico e Social

Axencia galega de desenvolvemento rural-Agader

Bic Galicia

Servicio Galego de Igualdade

Parque Tecnolóxico de Galicia

FEGAMP

FEUGA

Fundación Galicia-Europa

Instituto Nacional de Empleo

Instituto Nacional de la Seguridad Social

Agencia Tributaria

Dirección General de la Pyme (IPYME)

Dirección General de la Pyme (CIRCE)

Banco de España

Instituto de Comercio Exterior

Instituto de crédito oficial

WEBS DE EMPREGO GALEGAS:

www.cimoemprego.com

www.empleogalicia.info

www.galiciaempleo.net

www.noticiasgalicia.com

WEBS DE EMPREGO ESTATAIS:

www.acciontrabajo.com

www.infoempleo.com

www.infojobs.net

www.empleo.com

www.laboris.net

www.masempleo.com

www.monster.es

www.oficinaempleo.com

www.expansionyempleo.com

www.100mejores.com/trabajo.htm

WEBS DE EMPREGO EUROPEAS:

http://europa.eu.int/epso/brochures/epso_26-11-04_es.pdf

 

CASA DO CONCELLO

 
   
[Xunta de Galicia]